Arquivos da etiqueta: smartphones

Marcel·lí Antúnez achégase aos móbiles e ás redes sociais no seu último traballo, ‘Pseudo’

O performer catalán Marcel·lí Antúnez, un dos máis implicados do panorama europeo na investigación e uso da tecnoloxía no seu traballo, estreará o vindeiro 24 de xullo no festival Grec de Barcelona o seu novo traballo, unha performance / instalación interactiva que leva por título Pseudo.

Neste traballo o autor aplica o concepto de sistematurxia, un neoloxismo creado por el para designar a “dramatuxia dos sistemas computacionais”, e reflexionar sobre o novo paradigma da interacción tecnolóxica.

Tal e como explica na súa web, o argumento de Pseudo arrinca de Cotrone, espactáculo que Antúnez realizou en Italia no 2010. Aquela narración está repleta de microrrelatos que teñen como eixo temático un cuarto acto inventado d’Os xigantes da montaña, de Pirandello, que repasa a nova vida dunha boa parte dos personaxes da obra. Pseudo parte deses relatos, reescritos e producidos de novo para axustalos á participación do público a través de diferentes estratexias, como a acción xestual e sonora sobre interfaces, a participación a través de sistemas de realidade aumentada –videotraking, face traking e detección de imaxes- e, eventualmente, unha participación indirecta coa utilización consentida de bancos de imaxes dos perfís dos espectadores en internet (Facebook, Flickr ou Youtube).

A recomposición das pezas narrativas que o espectador leva a termo coa súa actuación sobre as interfaces (algunhas delas con clara vontade simbólica) condicionan tamén o número de espectadores, que debe ser reducido con tal de potenciar a proximidade e propiciar a participación.

O proceso de traballo de Pseudo está a ser documentado por Antúnez no seu blog, no que podemos ver algunha imaxe do making of, como este vídeo: