Arquivos da etiqueta: tabletas

Camiños para a app-literatura (I). Introdución

A irrupción no mercado das tabletas dixitais está a gran tendencia na mudanza de soportes que vive a industria cultural no último ano, e promete ir para longo. Atrás queda o efémero protagonismo dos “e-books”: todo o mercado parece estar de acordo en que os lectores-consumidores non nos conformamos con tras pasar o clásico formato textual a un dispostivo electrónico portátil. Dous anos despois de lanzar o Kindle, Amazon agora estrea o Kindle Fire, un aparello de baixo custe que será un híbrido entre o famoso e-book e a tableta multimedia. Todo indica que, despois de coñecer as posibilidades da web e das aplicacións móbiles, as lectoras e lectores esiximos contidos enriquecidos con multimedia e interactividade.

Ademais, o uso cotián de tabletas e, sobre todo, de teléfonos intelixentes que funcionan a través de aplicacións nativas está a modificar a nosa propia relación con internet. Dunha rede aberta baseada na web pasamos á internet das apps, moito máis pechada e cautiva (sobre todo no mundo iTunes) pero tamén máis atractiva e intuitiva para o usuario. No verán do 2010 a revista Wired anunciaba a fin da web tal como a coñecemos: para que a queriamos, tendo aplicacións para todo, incluído o novo ecosistema das redes sociais? Mais non todo o mundo o ten tan claro: a web segue a ser o espazo aberto, libre e horizontal que os pioneiros da Rede soñaron, un sitio no que, coñecendo a linguaxe HTML podemos facer moito máis que consumir, compartir fotos e enlaces e darlle ao “Gústame”. Por outro lado, que se pode facer nunha aplicación que non se poida facer na web? Só unha cousa: cobrar pola súa descarga. O que non deixa de ser interesante para moitos sectores da industria cultural.

Ante iso, e pensando nun mercado ameazado pola copia dixital, pero tamén nos novos retos expresivos que nos propón o novo soporte, autores e editoriais, sobre todo independentes, comezan a facer as súas probas, algunhas máis experimentais e outras máis comerciais, para levar a literatura ás novas pequenas pantallas. O iPhone e sobre todo o iPad son polo de agora o campo de xogo. O iPad é un soporte pensado para ler, para ver vídeos e para xogar, fundamentalmente. Deses tres actos humanos van saír as novas propostas literarias que se propoñen superar o libro: a nova e-literatura pódese ler, ver, escoitar e xogar. E teremos aínda que ver moitos destes novos experimentos para lograr saber que achega o formato móbil, sexa teléfono ou tableta, ao que xa coñeciamos de literatura feita para a web ou para o CD-ROM. Por de pronto ocórresenos sinalar algúns aspectos propios da mobilidade: a posibilidade de conectar o contido co lugar onde se produce ou onde se le, a través do GPS, a xeolocalización e a realidade aumentada. Por outro lado, a interface baseada no tacto tamén ofrece algunha leve novidade en canto á interacción e á experiencia do usuario.

Para observar as novas posibilidades que nos ofrecen estas aplicacións literarias iniciamos aquí unha guía que, en diferentes entregas, nos levará a través da poesía, da narración, do ensaio, do cómic e da literatura infantil e xuvenil, e que tamén quere ser un espazo de debate. Podemos falar dun novo chanzo na literatura electrónica despois do hipertexto en CD-ROM dos 90 e a literatura na web dos anos 2000? Ata que punto os soportes conviven, substitúen ou limitan a evolución da linguaxe? Sábenos aproveitar os distintos axentes do mundo da literatura? Está algunha revolución por chegar dende o mundo das tabletas ou só nos servirán para consumir e facer o mesmo de maneira máis cómoda? Veremos se ao final da serie atopamos algunha resposta ou só novamente máis preguntas. Comezaremos por falar da poesía visual interactiva na vindeira entrega.

María Yáñez