Arquivos da etiqueta: taxonomía

I ♥ E-Poetry, un novo espazo para a análise da poesía dixital

iloveepoetryNo pasado mes de decembro abríase o blog I ♥ E-Poetry, un espazo para  a reflexión informal sobre a poesía dixital creado polo portorricense Leonardo Flores, no que propón a revisión dunha obra de poesía electrónica cada día, e trata de aproximar o xénero a un público amplo tratando de achegar contexto poético, teórico e tecnolóxico a cada peza, axudándolle aos potenciais lectores a ler e entender mellor a obra. Este obxectivo de ampliar a audiencia da poesía dixital fóra do ámbito académico, aínda que tamén como un revulsivo desde dentro, materialízase non só no blog senón tamén en redes sociais como Facebook ou Twitter.
I ♥ E-Poetry ofrece unha metodoloxía moi interesante para o comentario e clasificación de obras de e-poesía, segundo a tipoloxía que Flores desenvolvera xa no seu traballo Typing the Dancing Signifier: Jim Andrews’ (Vis)Poetics.

Non hai acordo no vocabulario a utilizar para describir as características extralingüísticas dos textos nos medios dixitais, para alén das xa establecidas para textos impresos. Por ese motivo propoño unha tipoloxía de comportamentos que describen as posibles características textuais en medios electrónicos/programables. Son as seguintes:

  • Os textos estáticos son os que por defecto usamos nos medios impresos. Os que non se moven na pantalla.
  • Os textos cinéticos teñen palabras que se moven na pantalla: este movemento pode ser lineal ou espiral, aleatorio, programado ou de resposta a accións do lector.
  • Os textos receptivos (responsive) son os que aproveitan a interface do ordenador para permitir a intervención do lector, que virá fundamental mente do rato e do teclaro. Estes puntos de acción (enlaces, iconas e comandos do teclado) poden estar explícitos ou agochados, permitir a interacción voluntaria ou involuntaria, ou ter reaccións inmediatas ou pospostas sobre o input do lector.
  • Os textos mutables supoñen cambios programados ou aleatorios e poden tamén cambiarse pola interacción do lector.
  • Os textos programados poden irse revelando co tempo, que pode ser lineal ou en loop. Poden tamén forzar certa cantidad de lectura desaparecendo ou facendo scroll. Tamén poden desencadear eventos sobre un calendario programado ou aleatorio.
  • Os textos aurais teñen un compoñente sonoro, sexa verbal, musical ou un ruído.

Leonardo Flores ofrece esta tipoloxía como guía para o lector, pero non prescritiva nin tampouco completa. E convida os lectores do blog e a calquera persoa interesada a contribuír neste espazo enviando os seus propios comentarios e análises de obras, e utilizando as guías de envío, formato e revisión que expón no mesmo. Ata o de agora leva máis de 500 entradas, con case outras tantas análises de poemas dixitais.

O último número da revista Artnodes celebra dez anos cartografando as interrelacións entre arte, ciencia e tecnoloxía

A revista Artnodes,editada pola UOC, editou hai uns meses o seu monográfico correspondente ao 2011 co título Nuevos medios, arte-ciencia y arte contemporáneo: ¿hacia un discurso híbrido?, no que se analizan e se poñen en cuestión as taxonomías da arte, nun “avance sixiloso” da hibridación de etiquetas cara a novos paradigmas.

O volume trata, como explica o seu coordinador Pau Alsina, “de facer dialogar as diferentes maneiras nas as prácticas artísticas se teñen agrupado e nomeado, atendendo a que xustamente non se trata unicamente dun «nome», dunha etiqueta sen consecuencia algunha, senón tamén dun conxunto informe de especificidades técnicas e materiais, culturais, sociais, económicas, políticas, ontolóxicas, estéticas, éticas, conceptuais das que se derivan gran cantidade de consecuencias que poden facernos expandir a nosa maneira de ver e vivir o mundo ou de sumirnos no máis absoluto dos silencios administrativos”.

Neste número 11 de Artnodes escriben Edward Shanken (“Nuevos medios, arte-ciencia y arte contemporáneo: ¿hacia un discurso híbrido?”), Cristina Albu (“Cinco grados de separación entre el arte y los nuevos medios: proyectos de arte y tecnología bajo el prisma crítico”), Jamie Allen (“¿Y si esto es lo que parece? Arte que imita a la vida y práctica artística tecnológica”), Jean Gagnon (“Dispositivo, instrumento, aparato: un ensayo de definiciones”), Ji-hoon Kim (“Reensamblar componentes, hibridar lo humano y la máquina: cine expandido interdisciplinario y las posibilidades de un discurso de las interfaces”), Philip Galanter (“Entre dos fuegos: el arte-ciencia y la guerra entre ciencia y humanidades”), Jane Prophet (“El artista en el laboratorio: una cooperación razonablemente traicionera”), Christiane Paul (“Los nuevos medios en el mainstream”), Ron Jones (“El híbrido poscrítico”) e Paul Rowlands Thomas (“Estrategias transdisciplinarias para las bellas artes y la ciencia”). Todos os artigos se poden ler online e en pdf.