Arquivos da etiqueta: texto dixital

‘Elogio del texto digital’, novo libro de José Manuel Lucía

A comezos de ano Fórcola Ediciones publicou o libro Elogio del texto digital, un ensaio no que José Manuel Lucía, un dos maiores divulgadores das Humanidades dixitais en España, trata de combater as reticencias do sector editorial e literario cara á nova sociedade dixital. Como explica Javier Celaya no seu prólogo, “Elogio del texto digital es un perfecto «quitamiedos» para cualquier persona que quiera entender las implicaciones del impacto de Internet en el mundo del libro”.

O libro ten como subtítulo “Claves para interpretar el nuevo paradigma”, e dedica boa parte das súas páxinas a falar como naceu e como funciona a nova textualidade (“da oralidade á virtualidade”), a analizar as características do texto dixital e tamén o seu funcionamento e organización (as bibliotecas dixitais), e as plataformas de coñecemento e a súa importancia á hora de abordar o futuro da cultura, da academia e da investigación.

José Manuel Lucía Megías (Ibiza, 1967) é Catedrático de Filoloxía Románica da Universidad Complutense de Madrid e coordinador académico do Centro de Estudios Cervantinos. É especialista en Literatura Románica Medieval, Iconografía, Crítica textual e Humanidades dixitaisl, e director do Banco de imágenes del Quijote, 1605-1915 e da plataforma literaria Escritores complutenses 2.0. Tal e como o presentan na editorial, nos últimos anos Lucía dedicouse á difusión das Humanidades Dixitais en España, con ducias de artigos e capítulos de libros publicados, e a monografía Literatura románica en Internet. Dende a UCM impulsa a creación do Centro de Investigación del Texto Digital (CITeD), o primeiro deste tipo no ámbito español. Tamén está a preparar unha versión hipertextual do Quixote, que se difundirá a partir de 2015.

Lucía é ademais poeta e ten publicados diversos poemarios como Libro de horas (Madrid, Calambur, 2000), Prometeo condenado (Madrid, Calambur, 2004), Acróstico (Madrid, Sial, 2005), Canciones y otros vasos de whisky (Madrid, Sial, 2006), Cuaderno de bitácora (Madrid, Sial, 2007), Tríptico (Madrid, Sial, 2009) e Trento (o el triunfo de la espera), en edición bilingüe español/italiano, con tradución de Claudia Dematté e prólogos de Luis Alberto de Cuenca e Pietro Taravacci. Tamén traduciu obras de Cesare Pavese e de Mihai Eminescu (Madrid, Cátedra, 2004), canda a Dana Giurca. A súa obra foi traducida ao italiano, ao francés e a hebreo.