Arquivos da etiqueta: Youtube

Hai poesía en Google?

Cada día Google está máis presente nas nosas vidas: xestiona o noso correo, os nosos documentos, as nosas comunicacións, os nosos vídeos e ata o mapa dos sitios polos que nos movemos. Con Google Plus quere extender a súa presenza a un territorio xa conquistado por outros, as redes sociais. E sen o seu buscador xa non podemos vivir, substituiu a nosa memoria. Mais esta máquina que tanto nos controla é capaz por si mesma de producir algo parecido á poesía?

A reposta é que a poesía pode aparecer no lugar máis inesperado, só hai que querer vela. Así o fixo Davi Carneiro, un xornalista e escritor brasileiro que vive entre Barcelona, Brasil e Romenia, e que dende hai uns meses publica en Tumblr Poesia do Google, un blog con capturas de posibles poemas atopados por el e polos seus lectores, apartir das procuras suxeridas en Google cando introducimos algún termo para buscar. Por exemplo, poden saír pezas coma esta:

poesiagoogle1

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A idea de facer este blog capturando a poesía que pode haber en Google non é orixinal senón que está tirada de Google Poetics, que se dous finlandese lanzaron en inglés por primeira vez en outubro do 2012, e que agora xa conta con versións polo momento en suomi, sueco, italiano, holandés, letón, danés, bosnio, alemán e serbio. En castelán aínda non se fixo.

As poesias de Google mesmo serven para recitar, como demostra Lucas Rossi en Youtube, entoando un poema que atopou no blog de Carneiro:

Narracións non canónicas: o machinima

É o ano 1996, internet como tal xa existe aínda que non tiña demasiada presenza , o Pentium II está a piques de aparecer, Mac ocupa un discreto segundo plano no mercado, o vídeo dixital consolídase lentamente, Play Station arrincalle a hexemonía no mundo das videoconsolas a Sega e Nintendo e o disquete de Afternoon, a story circula entre algún cento de profesores e alumnos de literatura.

Neste contexto, id Software revoluciona o mercado dos videoxogos con Quake, un FPS (xogo de disparos en primeira persoa) que trouxo consigo algúns dos maiores avances técnicos do sector (uso de modelos tridimensionais para os personaxes e creación de escenarios en tres dimensións, emprego mapas e fontes luminosas en tempo real…) e tamén a aparición dunha nova modalidade de fanfiction: os Machinimas.

Os Machiminas (machine + cinema) son pezas de animación creadas mediante o uso de gráficos 3D de render a tempo real. O modo máis común é aproveitar o motor gráfico dalgún videoxogo. Este sistema consume moito menos tempo na creación da historia posto que permite a reprodución inmediata da animación mentres se está construíndo a parte visual da historia. Nace no ámbito de internet, que permitía dun xeito doado intercambiar as historias creadas con outros afeccionados e permitía un acceso máis ou menos doado aos programas e códigos precisos para crear personaxe e escenarios. Algúns dos elementos empregados eran libres, mais outros (personaxes principalmente) estaban suxeitos a dereitos de copyright.

Diary of a Camper (1996) é considerado o primeiro machimina. Foi creado por un grupo de xogadores (clan) de Quake chamado Rangers.

http://www.youtube.com/watch?v=uSGZOuD3kCU

A diferenza desta peza con outra pezas similares aparecidas anteriormente, como as demos non xogábeis que os programadores comezaron a espallar dende finais da década dos oitenta, é a presenza dunha compoñente narrativa. Xa non era un mero clip extraído dun xogo senón unha peza á parte, con autonomía propia a nivel de contido. Diary of a Camper é un modelo arcaico e pouco desenvolto. Neste caso, a banda de son provén da propia biblioteca do Quake, creada por Trent Reznor, e os diálogos aparecen como texto empregando a consola de mensaxes (no clip insertado non se aprecian ben os diálogos) do modo multixogador. A parte gráfica, consiste simplemente na gravación dentro partida multixogador dende o punto de vista dun dos protagonistas, efectuando o resto dos xogadores os movementos propios da acción dramática. É unha partida simulada capturada.

Posteriormente, esta modalidade de creación en rede foi adecuando a súa composición narrativa aos novos tempos e converténdose nun xénero máis da animación 3D, creando tramas seriais, sketchs puntuais, parodias… Deixaba tamén de consistir maioritariamente na gravación de partidas para engadir modificacións gráficas propias aos modelos tomados dos xogos orixinais.

Unha das machiminas máis famosas é Red Vs. Blue (Rooster Teeth), aparecida en 2003 e que narra, servíndose do entorno gráfico da saga Halo (Bungie 2001-2010), unha historia bélica que parodia os FPS (xénero ao que pertence Halo), o militarismo e os tópicos da ficción científica. As súas tramas son autónomas e non pertencen ao canon do universo ficticio Halo.

Red Vs. Blue consta de máis de cento cincuenta capítulos e é considerada como un punto de inflexión, posto que xa consta de tramas máis complexas, personaxes fixos, estrutura serial organizada, distribución… é dicir, é un produto audiovisual máis, sendo igualmente una fanfiction.

Se ben os machiminas primixenios non tiñan demasiado valor a nivel de narración audiovisual, marcaron camiños moi importantes para o desenvolvemento da creación multimedia e tamén mostraron un primeiro modelo de distribución e creación audiovisual dende internet.

Producións como Red Vs. Blue axudan á consideración dos machiminas como creacións de ficción “serias”, xa que logo todo produto de ficción nado do traballo de seareiros anónimos non recollera moita atención fóra dos propios círculos de fans.

Saúl Rivas